O Centro Ágora da Coruña acolle unha nova proposta dentro do programa Apego, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña. Trátase de «Leo e a música do bosque», un contacontos musical participativo pensado para público infantil e familiar.
Leo é un león curioso, o máis inquedo de toda a selva. Un día, guiado pola súa sede de aventuras, decide internarse no bosque. Alí, irá atopando unha serie de animais como unha bolboreta, un paxaro carpinteiro e mesmo unhas ras saltarinas. Cada encontro irá descubrindo sons distintos, ritmos sorprendentes e melodías escondidas na natureza. Pero Leo non estará só nesta viaxe: precisará da axuda das nenas e nenos presentes para descubrir xuntos toda a música que hai ao noso arredor.
A actividade terá lugar na aula 8 do Centro Ágora, nun ambiente íntimo e participativo que convida á escoita, ao xogo e á aprendizaxe a través dos sentidos. Trátase dunha experiencia que mestura narración oral, educación sensorial e expresión musical, fomentando a creatividade e a lingua galega desde a primeira infancia.
O acceso é libre ata completar aforo, pero pídese puntualidade para garantir o correcto desenvolvemento da actividade.
«Leo e a música do bosque» é unha ocasión perfecta para compartir un tempo de calidade en familia, espertar o interese pola música e descubrir o valor das pequenas cousas do día a día, todo a través da maxia dos contos.
A actividade está dirixida a crianzas de 6 meses a 3 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. Sesions as 17h e as 18:30h.